A Casa da Cultura de O Milladoiro, cedida polo Concello de Ames, encheuse onte para asistir á estrea de “La mansión de José Cruz”, escrita e dirixida por Lucas Herrador e protagonizada polo Grupo de Teatro Down Compostela. Unha obra cuxo cartel foi deseñado polo pintor Rafael Romero Masiá.
O público puido gozar dunha obra de teatro tan terrorífica como divertida, que terminou cunha gran ovación final para a vintena de actores e actrices coa síndrome de Down e discapacidade intelectual que a representaron.
Sobre o escenario púidose ver a homes lobo, vampiros, zombis ou asasinos en serie. “Para que serve o medo? Din que sen el non teriamos medida, meteriámonos en moitas leas por non saber calcular as nosas posibilidades. De tal forma, o medo actúa como unha advertencia ante o perigo”, sinalou o director. “Ben é certo que decidimos rirnos do terror, converter en festa charramangueira a noite de bruxas, monstros e pantasmas (por suposto, estou a referirme a Halloween) Pero hai máis. Os mitos creados en torno ao terror son unha proxección daquelas circunstancias e persoas que nos rodean e que, no momento que menos o esperamos pódennos facer dano”, engadiu.
“La mansión de José Cruz” é a décima obra que representa o Grupo de Teatro Down Compostela, despois da posta en escena de “Arturo, Arthur, Artur” (Salón Teatro, 2017), “Búscame a este tipo” (Salón Teatro, 2016), “Solo ante la Peligros” (Salón Teatro, 2015), “Las pruebas de Hércules” (Salón Teatro e Casa de Cultura de O Milladoiro, 2014) , “Bodas de sangre” (Salón Teatro e Casa de Cultura de O Milladoiro, 2013), “Fuenteovejuna” (Salón Teatro, 2012), “Romeo y Julieta” (Sala Nasa, 2011), “Esopo y sus fábulas” (Sala Nasa, 2010) e “Alicia en el país de las maravillas” (Auditorio de Galicia, 2009).