Inmellorables! Así son os resultados das probas de nivel 2 de Competencias Clave realizadas polas persoas usuarias de entidades Down de Galicia. Dos 13 exames aos que se presentaron o pasado 12 de maio en Silleda, acadaron un resultado positivo en todos eles, o que supón un 100% de aprobados.
As persoas participantes coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual examináronse en igualdade de condicións que o resto das preto de 3.600 persoas que se presentaron nesta ocasión. Para que fose posible, foron solicitadas as adaptacións dos exames á metodoloxía de Lectura Fácil (para facilitar a comprensión das preguntas e dos textos), a ampliación da letra e do tempo para cada exame e, nalgúns casos, persoal de apoio.
Neste sentido, as entidades Down en Galicia destacan a importancia de concorrer a este tipo de probas a través do sistema ordinario. Asegúrase, deste xeito, a inclusión social atendendo á diversidade de cada individuo, e garántese que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de acceso e participación tendo en conta as súas necesidades.
No tocante ós exames de nivel 3 os resultados foron tamén moi satisfactorios, xa que o 78% das competencias foron superadas, quedando soamente coa cualificación de “Non apto” dúas delas.
A suma dos resultados das probas de nivel 2 e nivel 3 amosan un 91% de aprobados totais, o que evidencia a gran preparación das 10 persoas participantes, pertencentes ás entidades Down de Ferrol e Lugo.
As probas de Competencias Clave
As probas de competencias clave están pensadas para que as persoas que non posúen os requisitos de formación básica (ESO ou Bacharelato) poidan demostrar as súas capacidades e coñecementos co obxectivo de acceder á formación para o emprego. Así, estas probas convértense en unha das vías de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 e 3, xa que as persoas que as superan están acreditando uns requisitos formativos que asegurarán que posúen os coñecementos necesarios para acceder aos diferentes cursos.
Hai 4 competencias clave (lingua galega, española, estranxeira, e matemáticas) e para cada unha hai dous niveis. O nivel 2 correspóndese co título de Graduado en Educación Secundaria ou equivalente, e o nivel 3 correspóndese con Bacharelato ou equivalente.