» Matriuska Producciones ábrelle as portas do mundo audiovisual a unha persoa con discapacidade intelectual

O produtor de Matriuska Producciones, Daniel Froiz, e o presidente da Asociación Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez Cabo, asinaron o pasado mes de xuño un convenio de colaboración co fin de promover a integración socio-laboral en contornas ordinarias de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

A través deste acordo, unha persoa usuaria da entidade pontevedresa terá a oportunidade de aprender máis polo miúdo as peculiaridades do mundo audiovisual a través dunhas prácticas laborais como auxiliar de produción audiovisual.

Dani Froiz, produtor de Matriuska Producciones, resaltou durante a sinatura deste convenio que “a industria do cine pode contar perfectamente coas persoas con discapacidade”. A produtora coñeceu o traballo de Xuntos no eido do emprego con apoio no coworking Espacio Arroelo, onde traballa unha persoa coa síndrome de Down e onde a empresa ten a súa oficina, e en seguida souberon que querían incluír a unha persoa con discapacidade intelectual no seu equipo de traballo. Ademais, Froiz non descarta que as prácticas dean paso a contratacións temporais en festivais cinematográficos.

Pola súa parte, o presidente de Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez Cabo, resaltou a importancia que os convenios de colaboración teñen para a entidade, xa que “é vital contar co apoio do tecido empresarial da contorna para que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais consigan unha verdadeira inclusión socio-laboral”.

 

O programa de emprego de Down Pontevedra Xuntos

O programa de emprego con apoio de Xuntos pechou con 21 contratos o primeiro semestre do ano, dos que 10 son contratos temporais e 11 indefinidos. A través destas oportunidades, 16 persoas usuarias das 18 que conforman o programa de Emprego con Apoio de Down Pontevedra Xuntos puideron adquirir experiencia en postos tan variados como auxiliar en unhas termas, masaxista, ordenanza, monitor de comedor escolar, entre moitos outros.

Desde o ano 2002, as entidades Down en Galicia desenvolven o programa Emprego con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais atopan á hora de intentar acceder ao mercado laboral ordinario.

Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través de todo o proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación ao posto de traballo. Deste xeito, as persoas que se incorporan a un posto, contan co apoio dun preparador ou preparadora laboral que se encarga de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, para que o traballador ou traballadora poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos compañeiros e compañeiras de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de xeito positivo e natural.

 

Matriuska Producciones

Con sede en Pontevedra, a produtora cinematográfica Matriuska Producciones promove desde 2005 o talento de novos creadores e as novas tecnoloxías. Os seus traballos enmárcanse principalmente na ficción, a animación, o documental e a publicidade, aínda que tamén prestan outros servizos como pos-produción, edición dixital ou aluguer de equipamentos audiovisuais.