Como xa se anunciou na clausura dos encontros do ano pasado, Santiago de Compostela foi a cidade escollida para celebrar o XVIII Encontro Nacional de Familias e o X Encontro Nacional de Irmáns de Persoas coa síndrome de Down. A cita deste ano, co-organizada por Down España e Down Compostela, terá lugar no Hotel OCA-Porta do Camiño e no Eurostars San Lázaro entre os días 6 e 9 de decembro e conta co financiamento de Fundación ONCE, Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e Fundación Sanitas.
A organización está a pechar os detalles do programa onde dará prioridade, como noutras ocasións, ós talleres prácticos e ós espazos de debate, atendendo ás demandas recollidas nas avaliacións do XVII Encontro Nacional de Familias celebrado o ano pasado en Chiclana de la Frontera-Sancti Petri.
Down España abrirá o prazo de preinscricións para estes encontros no mes de setembro e informará a través das súas canles (web, páxina de Facebook e perfil de Twitter oficiais), os pasos detallados a seguir para cumprimentar a preinscrición e o posterior pago.
Como noutras ocasións, as familias que queiran acudir á cita poderán preinscribirse a través dunha aplicación que estará dispoñible na web de Down España. Cada familia preinscrita recibirá un número.
Tras esta primeira fase de preinscrición, as prazas definitivas asignaranse a través dun sorteo online no que tomarán parte os números de todas as familias preinscritas. Este sorteo realizarase durante a última semana de setembro. As familias que obteñan praza no sorteo terán entón un prazo de 7 días para realizar o pago da inscrición.
XVII Encontro Nacional de Familias e IX Encontro de Irmáns de persoas coa síndrome de Down
Un ano máis, Down España aposta pola organización da que é a cita máis esperada do ano polo colectivo. Unha oportunidade única para familias das asociacións federadas de potenciar o debate, a vinculación e o intercambio de experiencias na contorna do movemento asociativo.
Este XVIII Encontro Nacional de Familias de Persoas coa síndrome de Down ten como obxectivos:
- Apoiar ás familias para facer posible o fomento da autonomía e vida independente dos seus fillos e fillas coa síndrome de Down.
- Potenciar o debate, a vinculación e o intercambio de experiencias entre familias e irmáns de persoas coa síndrome de Down.
- Gozar e compartir momentos de lecer e tempo libre con outras familias para aumentar a cohesión entre o colectivo de persoas coa síndrome de Down e as súas familias.
- Dar protagonismo ás persoas coa síndrome de Down e ás súas familias.