PREGÓN ÍNTEGRO DE TEIMA – FESTAS DE FERROL 2018
FOTO: César Toimil
Patricia Serantes, presidenta de Teima Down Ferrol:
Boas noites, Ferrol! Estamos moi contentos de estar aquí hoxe con todos vós. Non somos estrelas, non pretendemos selo. Somos Teima: pais, nais, fillos, fillas, avós, irmáns,… igual ca vós.
Somos Teimudos e Teimudas, que xa podemos contar 24 anos de historia traballando pola diversidade, para e por a inclusión social das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual. Para conseguir desta cidade, e do mundo en xeral, un lugar onde todos e todas poidamos estar e participar, convivindo en igualdade de oportunidades.
Teima significa ter unha idea fixa e constante que se persegue. Gostamos de definirnos como teimudos e teimudas, sempre persistimos.
A nosa teima é ferrolanear, vivir Ferrol con intensidade, apostando polos recursos de esta cidade. Teimamos para exercer os nosos dereitos, para que ninguén se quede sen a súa oportunidade, para que todos e todas sexamos libres, para vivir en equidade.
Somos teimudos porque, como din os versos da seguinte invitada, aprendemos que ”Mejor vivir sin miedo, porque lo malo se nos va volviendo bueno….Sin miedo, no hay sueños imposibles ni tan lejanos… Sin miedo, las manos se nos llenan de deseos…”.
Pero iso, mellor cóntano eles.
Lucía e Manolo, membros de Teima Down Ferrol:
- Desexamos ir á escola todos xuntos. É a maneira de aprender a valorar que todos somos importantes, que ninguén é menos, nin máis. Que nos temos que axudar, respectando as diferenzas que fan que todos sexamos especiais.
- Desexamos traballar sen ter que mendigar, por dereito, por decisión, non porque nos fagan un favor.
- Desexamos vivir con dignidade na nosa cidade, en parella ou sen ela, decidir o que nos peta.
- Desexamos gozar do lecer, poder entrar aos bares, cafeterías, restaurantes ou outros lugares sen atopar barreiras; queremos miradas e actitudes confiadas.
- Desexamos mollar os pés nas nosas praias e, se non, que poñan ramplas.
- Desexamos ir ao cinema, ver pelis que nos interesen; Disney non é para sempre.
- Non somos nenos ou mozos eternos, envellecer co resto de maiores é o noso desexo.
- Desexamos coller o bus coa tranquilidade de que nos vexan con normalidade, non vimos doutro planeta, tamén somos desta cidade.
- Desexamos non perder máis trens que os que non nos interesen por decisión propia, non porque o decida Feve, Renfe ou alguén que nin sequera nos coñece.
- Os que somos de máis lonxe, Cedeira, A Capela, As Pontes… tamén desexamos ser parte desta cidade, pero a maioría das veces non temos forma de chegar.
Susana Pérez, profesional de Teima Down Ferrol:
Aquí é onde queren e queremos estar, acompañándoos, facendo os seus desexos realidade. Vivindo con intensidade , desfrutando destas festas. Ferrolaneando de verdade.
Porque Ferrol é de todos e todas, para todos, somos todas… Os que veñen, os que quedan, os que se van. E os que non poden estar. Precisamos de vós para poder sumar, ninguén pode quedar fóra… Todos queremos ser, estar e participar!!!
Desfrutade das festas, deste lugar, da súa gastronomía, das paisaxes sen igual. Destas rúas empedradas, cheas de historia, que nos fan lembrar que Ferrol ten moito que dar…
Inaugurar estas festas é un paso máis. Ferrol é cada vez máis noso.
E a nosa Teima xa é parte desta cidade.
Grazas Ferrol!
Pincha aquí para ver o vídeo do pregón en Facebook