A pianista compostelá Rosalía Gómez Lasheras, acompañada polo violinista oscense Antonio Viñuales Pérez, volverá actuar en Santiago o vindeiro venres 7 de setembro. Nesta ocasión será un concerto solidario a favor de Down Compostela, nun dos actos para celebrar o vinte e un aniversario da entidade. O concerto celebrarase no Auditorio de Galicia ás 20.30 horas e o prezo da entrada será de 10 euros. Poderanse adquirir no propio Auditorio, a partir do martes, día 4, en horario de 18.00 a 20.30 horas.
Duobitatio é o dúo de música de cámara creado por Rosalía Gómez e Antonio Viñuales na Musik Akademie Basel (Suíza), onde ambos os músicos realizan estudos de master con Claudio Martínez Mehner e Rainer Schmidt, respectivamente. Duobitatio pretende converter o escenario nun laboratorio onde compartir os seus experimentos musicais co público. Actuaron en salas en España, Holanda e Suíza, tanto en instrumentos modernos como antigos. A súa filosofía musical foi premiada en concursos de Música de Cámara como o BOG Duo Competition (2017) e o Orpheus Swiss Chamber Music Competition (2018).
O concerto do próximo venres en Santiago forma parte dos actos cos que a Fundación Down Compostela está a celebrar o seu 21 aniversario. Para o seu presidente, Juan Martínez, “é todo un luxo contar coa colaboración dunha pianista de tanto prestixio como Rosalía Gómez, que cultivou numerosos premios nacionais e internacionais. Agradecemos moito a Rosalía e a Antonio que cedesen un pouco do seu tempo para colaborar con Down Compostela”.
Para todos aqueles que desexen colaborar con Down Compostela e non poidan asistir ao concerto habilitouse unha fila cero na conta ES88 2080 5355 6530 4004 1523.
O importe do que se recade “destinarase a sufragar as actividades que a Fundación ten en marcha para mellorar a calidade de vida das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual. Nestes momentos, a Fundación atende a 100 familias que residen nunha trintena de municipios da área de influencia de Santiago de Compostela”, explica Juan Martínez.
Rosalía Gómez Lasheras
Rosalía Gómez Lasheras (Santiago, 1994) é unha das pianistas máis recoñecidas da capital de Galicia. Iniciou a súa formación aos 5 anos con Alexander Gold e María José Cerviño. Cursou Bachelor Degree no Utrecht Conservatory (Holanda) con Alan Weiss e Master Performance con Claudio Martínez Mehner na Musik Akadmie Basel (Suíza). Paralelamente especialízase en Música Antiga estudando clavicémbalo con Siebe Henstra e Jörg Andreas Bötticher e fortepiano con Edoardo Torbianelli na Schola Cantorum Basilensis. Actualmente realiza o Solistin Diplom na Musik Akademie Basel.
Sempre que a súa apertada axenda llo permite, regresa a Santiago para compartir horas coa familia e amigos e ofrecer concertos. A súa intensa actividade levoulle a ofrecer concertos en diferentes escenarios de España, Holanda, Austria, Francia, Portugal, Bélxica, Suíza, Alemaña, Rusia, Exipto e Estados Unidos. Destacan os seus debuts no Concertgebouw Amsterdam (2013), Palau da Música Catalá (2015) e Cairo Opera House (2016), así como a súa participación no Festival Moscow Meets Friends na capital rusa e o International Keyboard Institute and Festival en Nova York.
Tras gañar concursos como o XVI Concurso de Piano Infanta Cristina (Madrid, 2012), o XV Cicle de Primavera (Barcelona, 2012), etc; en 2013 obtivo o 1º Premio no Concurso Young Pianist Foundation de Amsterdam, xunto co Laureates Award e o premio ás mellores interpretacións de Sonata Clásica, Schumann e Música Moderna.
Foi eloxiada por críticos e importantes personalidades musicais pola súa sobresaliente madurez artística. El Correo Gallego outorgoulle en 2015 o título de Galega do Ano pola súa destacada traxectoria.
Antonio Viñuales
O violinista Antonio Viñuales Pérez nace en Huesca en 1992. Foi finalista e gañador de premios en numerosos concursos nacionais e internacionais, e membro de diferentes orquestras novas como a JONDE (Nova Orquestra Nacional de España), actuando en ocasións como concertino, ou a EUYO. O seu especial interese polos grupos de música de cámara levou a Antonio a actuar con grupos de recoñecido prestixio neste campo como a Orquestra Dá Camera ou Band- Art.
Na actualidade Antonio continúa os seus estudos de Master na Hochschule für Musik en Basilea cos profesores Barbara Doll e Claudio Martínez Mehner desde setembro de 2017.