Down Galicia cumpre este ano dúas décadas de intenso traballo, de logros e progresos. A inclusión real na sociedade está a deixar de ser unha utopía para converterse nunha realidade. Pero aínda queda moito camiño por percorrer.
Desde o seu nacemento, o obxectivo prioritario da Federación foi conseguir que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais acadasen as máis altas cotas de auto xestión posibles para levar unha vida autónoma, tomar as súas propias decisións e formar parte da sociedade dunha maneira visible e inclusiva. Nestes vinte anos, Down Galicia e as súas entidades membro nunca deixaron de loitar, xunto con todos os estamentos sociais, para alcanzar este obxectivo.
Un gran evento para celebrar o 20 aniversario
Para celebrar o camiño percorrido, a Federación está a preparar un gran evento lúdico-festivo repleto de música, humor, maxia e reivindicacións, que incluirá a entrega dos V Premios Down Galicia e a proxección da curta documental “Xeración Down”, na que se porán de manifesto os cambios sociais acontecidos ao redor da síndrome de Down nestas dúas décadas.
O cartel deste acontecemento único xuntará a artistas amplamente recoñecidos con outros de ámbito máis local, que serán desvelados nas vindeiras semanas, coincidindo co inicio da venda de entradas.
Esta “Festa pola inclusión” estará aberta a toda a sociedade galega e terá lugar o vindeiro sábado 20 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela (Rúa do Preguntoiro, nº 23), en pleno corazón da capital de Galicia.
O custe das entradas, que se poñerán á venda a primeira semana de outubro, será integramente destinado ós programas que Down Galicia e as súas entidades levan a cabo e que actualmente dan servizo a 658 familias.
E se non podes vir, pero desexas colaborar coa nosa campaña “Está na túa man”, poderás facelo a través de Paypal ou da Fila 0 habilitada para a ocasión: ES6920800376673040011066 (ABANCA).
Consulta neste enlace toda a información sobre como podes colaborar connosco e a que irá destinada a túa achega.
Campaña en redes sociais
Ademais da organización deste evento, Down Galicia está a preparar unha campaña en redes sociais baixo a etiqueta #EstáNaTúaMan. O seu obxectivo é concienciar sobre a importancia dos apoios de todos e todas para as persoas coa síndrome de Down ou outras discapacidades intelectuais.
Coa intención de facelo viral, queremos animar a calquera que o desexe a publicar en Facebook, Twitter ou Instagram unha foto ou vídeo na que dean os seus parabéns a Down Galicia, amosen as súas reivindicacións e se sumen á campaña debuxando un sorriso na palma da súa man.
Estade atentos e atentas ao especial 20 aniversario da nosa páxina web, na que iremos subindo toda a información sobre este evento.
Facer realidade a verdadeira inclusión #EstáNaTúaMan.
Esperámosvos!