A Fundación Repsol, a través da iniciativa “Más que palabras” colabora con 6.000 euros no desenvolvemento do proxecto “Unha escola para tod@s: inclusión educativa de alumnos coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual” que Down Galicia leva a cabo a través das súas entidades membro.
O seu principal obxectivo é promover e facilitar a inclusión escolar do alumnado con discapacidade intelectual na escola ordinaria potenciando ao máximo o seu desenvolvemento cognitivo, social e persoal. Desta forma, contribúese a consolidar os coñecementos, habilidades e destrezas que favorecen a súa plena inclusión.
Emprégase para tal fin unha metodoloxía baseada na aprendizaxe cooperativa, mediante a que se potencia a creación dun sistema de axuda mutua entre compañeiras e compañeiros favorecendo así a compensación entre as habilidades e necesidades de cada alumno ou alumna. Paralelamente, realízanse sesións de reforzo educativo nas entidades Down, combinando sesións individuais e en grupo, e promóvese o uso de dispositivos audiovisuais e interactivos, que xeran maior recepción e interese por parte do alumnado coa síndrome de Down e mellora notablemente o seu proceso de ensino e aprendizaxe. En definitiva, este proxecto trata de promover un alto nivel de colaboración entre os axentes educativos -escola, familia e asociación- co fin de coordinar as accións educativas necesarias en cada contexto e de non deixar ningunha área de aprendizaxe sen abordar.
“Unha escola para tod@s” beneficia neste momento a 174 alumnos e alumnas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual membros das entidades Down, en idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos, e escolarizados na Comunidade Autónoma de Galicia en calquera das modalidades educativas.
A iniciativa “Más que palabras” da Fundación Repsol selecciona cada ano máis de 50 proxectos co obxectivo de promover a mellora da calidade de vida dos colectivos máis vulnerables, fomentar a integración social ou atender necesidades sensibles de colectivos específicos. Estes proxectos contan sempre cun denominador común: a solidariedade, a integridade e o compromiso. Máis información: http://www.masquepalabras.com.es/es/