Filosofía del servicio de inclusión educativa de Down Galicia

EDUCACIÓN

MISIÓN|| ACTUACIÓN S DO SERVICIO DE EDUCACIÓN

Dende DOWN GALICIA, consideramos que a inclusión na escola ordinaria é a vía máis axeitada para acadar o desenvolvemento formativo, psicolóxico e social das persoas coa síndrome de Down. Sen embrago, a inclusión educativa non pode seguir un modelo único, senón que debe ser adaptado ás necesidades de cada persoa. Así mesmo, non é un fin en si mesma, senón un medio para acadar o pleno desenvolvemento social e persoal do individuo.

Se queremos conseguir o maior grao posible de desenvolvemento e autonomía nos nenos e mozos coa síndrome de Down será necesario dinamizar, nos seus anos de escolaridade, experiencias educativas de calidade. Para iso, debemos optimizar os recursos existentes e tratar de acadar un nivel importante de colaboración entre os axentes educativos (a familia, a asociación, a escola), co fin de non deixar ningunha das áreas de aprendizaxe sen abordar e de coordinar as accións educativas que nos diferentes contextos se desenvolven.

O proceso da reforma educativa plantexa como finalidade última mellorar a calidade da ensinanza, tarefa que en boa medida está cifrada en conseguir que os centros poidan ofrecer unha resposta educativa de calidade, axustada á diversidade do alumnado escolarizado nela.

O obxectivo consiste en crear unha comunidade que acolla as diferenzas, utilice as diferenzas entre os alumnos como elementos do currículo e respecte esas diferenzas en todos os aspectos do programa escolar. Aínda que un alumno non aprenda nunca certos contidos dalgunha materia, segue sendo fundamental que se lle inclúa, de forma que todos os alumnos poidan descubrir o respecto mutuo, o agarimo e  apoio nunha sociedade inclusiva.

UNHA ESCOLA PARA TODOS debe ser capaz de responder diferencialmente ás necesidades individuais, sexa cal sexa o seu grao de especificidade. Deber de ser capaz de adecuar recursos e metodoloxías ás características do alumno/a con necesidades educativas especiais. Para iso, será necesario establecer proxectos que actúen non só sobre a propia persoa coa síndrome de Down, senón que extenda o seu foco de atención á totalidade de membros que forman parte da comunidade educativa.