A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, financia a contratación de 12 persoas para desempeñar distintos postos de carácter técnico na Federación Down Galicia e nas súas entidades membro. Trátase da contratación de 3 técnicos a xornada completa durante un período de nove meses, e os outros 9 a xornada parcial por un período de un ano. O obxectivo desta contratación é o de dar cobertura ás diferentes áreas e programas que conforman o Servizo de Promoción da Autonomía Persoal para persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual (SEPAP). Así, os 12 técnicos contratados participarán no desenvolvemento de áreas como “Comunicación e Inclusión Educativa”, que ten por obxecto contribuír á mellora das condicións sociais, educativas e psicolóxicas do proceso de inclusión escolar das persoas coa síndrome de Down; “Participación Social e Vida Autónoma” orientado a promover a súa autonomía e habilidades para manexarse na súa comunidade; “Formación para o Emprego” cuxo obxectivo é á inserción no mundo laboral atendendo ás diferentes necesidades formativas dos/as usuarios/as de xeito personalizado; “Emprego con Apoio” destinado a apoiar ás persoas coa síndrome de Down na súa inserción no mercado laboral ordinario; “Xestión e Administración” relativa ao desenvolvemento administrativo das entidades; e “Comunicación e Captación” orientada á correcta difusión do traballo cara á sociedade.
Os técnicos contratados dedicaranse, cada un dentro da área correspondente, a dar cobertura dentro do marco do Servizo de Promoción para a Autonomía Persoal a persoas con discapacidade intelectual en xeral, e coa síndrome de Down en particular, de cara acadar a súa plena inclusión na comunidade e mellorar a súa calidade de vida.
