A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, financia a contratación de 9 persoas para desempeñar distintos postos de carácter técnico no programa de inserción laboral da Federación Down Galicia. Trátase da contratación de 5 axentes de emprego e 4 unidades de apoio, todos a xornada completa durante un período de doce meses. O obxecto destas axudas é o de financiar as accións de fomento do emprego a través da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, que colaboren na implantación das políticas activas de emprego e na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade. Neste ámbito circunscríbese o programa que leva a cabo Down Galicia, a través das súas entidades membro, denominado “Emprego con Apoio”. Así, Down Galicia leva desenvolvendo actuacións relacionadas coa promoción do emprego para persoas con discapacidade intelectual desde xuño de 2002, a través da posta en marcha deste proxecto de inserción laboral na empresa ordinaria. Desde os inicios deste proxecto o traballo que se está levando a cabo foi acadando cada vez máis avances; como por exemplo o incremento do número de usuarios participantes no mesmo, o cada vez maior número de empresas contactadas e colaboradoras co proxecto, así coma o aumento do número de convenios e contratos laborais asinados no territorio galego.
