O espectáculo celebrarase o vindeiro xoves ás 20:30 horas, no Auditorio Pazo da Cultura de Pontevedra. Nesta XVI edición, o evento contará cun amplo cartel de artistas, entre os que se atopan os cantantes Yhadira, Isabel Barria e Hugo, ex concursantes do famoso programa televisivo “La Voz”. As persoas que non mercaran as súas entradas na venda anticipada poderán mercalas na billeteira do recinto, cun prezo de 8 euros para os adultos e de 4 euros para os rapaces menores de 12 anos. Baixo a dirección do cantante Ángel Barry, o evento converteuse nunha das iniciativas insignia que a Asociación leva a cabo para recadar fondos destinados a financiar e potenciar as áreas de traballo que na actualidade ten en marcha, entre as que se atopan: a atención temperá, a inclusión educativa ou a formación para o emprego. Tras dezaseis anos, a gala conseguiu fidelizar non só ao público pontevedrés senón a artistas que repiten edición tras edición, como é o caso do transformista Cristian de Samil, a Orquesta Pontevedra ou a Escola de danza Vaganova. Así mesmo, e como é de esperar, o espectáculo contará unha vez máis coa activa participación dos mozos de Xuntos. Nesta ocasión, o grupo de teatro Axóuxere, conformado por mozos e mozas da asociación, representará a obra “Canción de Nadal” de Charles Dickens. Pola súa parte, os seus compañeiros do grupo Factory Dance intentarán contaxiar ao público presente a súa paixón polo baile.
