Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto defendeu a educación inclusiva como un dos piares na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria. “Este ano quixemos dedicar este día a unha área sumamente importante na vida de calquera persoa, como é a educación. Área historicamente minguada para aqueles alumnos con dificultades, e que neste momento vive unha etapa de auténtica involución, abocando á marxinalidade a unha gran parte da poboación”, afirmou o presidente de Down Galicia durante a súa intervención no acto institucional celebrado pola Federación. Prieto avogou pola defensa da educación inclusiva asegurando que “se camiñamos cara a educación especial en lugar de erradicala, estaremos contribuíndo ao estrangulamento da nosa sociedade”. O acto, celebrado na Biblioteca da Cidade da Cultura, comezou coa lectura do Manifesto pola autonomía persoal, por parte de dúas persoas coa síndrome de Down, Jaime Vázquez, membro de Down Coruña, e Cristina Villar, membro de Down Compostela, que reivindicaron os seus dereitos en primeira persoa. Posteriormente, e arroupado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, puxo voz ás reivindicacións das persoas ás que representa tanto en materia de educación inclusiva e como de promoción da diversidade como fonte de enriquecemento mutuo.
