O acto institucional celebrado por Down Galicia para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down incluíu unha maratón de lectura inclusiva na que participaron persoas coa síndrome de Down de diferentes puntos de Galicia, así como alumnos e alumnas dos colexios composteláns Antón Fraguas, Ramón Cabanillas e Compañía de María. Esta maratón estivo apadriñada polo escritor e membro da Real Academia Galega, Xosé Neira Vilas, encargado de inaugurar a actividade; e pola poetisa Rosalía Morlán, que se ocupou da clausura coa lectura dunha fábula e un poema escritos por ela especialmente para esta cita. Nesta ocasión Down Galicia dedicou este Día Mundial á educación nun acto celebrado na Biblioteca da Cidade da Cultura e que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad. Así, o propio conselleiro foi unha das autoridades presentes que participou na maratón, á que tamén se sumou o Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez.
