Hefesto 2013 é un programa da Concellería de Benestar Social do Concello de Pontevedra que une cultura urbana e discapacidade. A través deste proxecto, 60 persoas con discapacidade participarán en actividades propias da cultura urbana que, habitualmente, non forman parte do seu ocio. Poderán gozar así da cultura moteira, o breakdance ou a gravación de composicións musicais nun estudo. Deste xeito, o programa Hefesto quere romper a dinámica excluínte e potenciar as capacidades e habilidades dos seus participantes. As actividades darán comezo o día 1 de outubro e culminarán coa creación dun audiovisual que se proxectará o día 3 de decembro, Día Mundial da Discapacidade, no Teatro Principal. Ademais dos participantes de Xuntos, tamén participan persoas doutras asociacións pontevedresas que traballan no ámbito da discapacidade.
