O proxecto beneficiou a 32 mulleres membro de Down Lugo, de idades comprendidas en grupos que van desde os 5 anos ata maiores de 45, de xeito que a atención se prestou en función das necesidades de cada etapa vital. Un programa que entronca coa filosofía de atención das entidades Down en Galicia, que traballan o desenvolvemento pleno e real das persoas desde unha perspectiva transversal que ten en conta todos os parámetros do seu entorno vital, social, familiar, educativo e profesional. A Secretaria Xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada pola presidenta de Down Lugo, María José Blanco Freire, e polo presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, foi a encargada de presidir o acto de entrega dos diplomas ás persoas participantes no proxecto. Posteriormente aproveitou a visita para achegarse á vivenda do programa “Vida Independente” para compartir unha merenda cos mozos da Asociación. Desde unha perspectiva de xénero e de igualdade de oportunidades, este programa fíxose imprescindible para desenvolver as potencialidades de todas as participantes, dotándoas das ferramentas precisas para favorecer a súa participación cidadá en igualdade de condicións que o resto das persoas da súa contorna. O obxectivo fundamental foi, pois, ofrecerlles os medios adecuados para que poidan desenvolverse para levar unha vida autónoma, tomar as súas propias decisións e formar parte da sociedade de forma visible e autónoma.
