Dotado con 1.500 euros, este galardón irá destinado ao proxecto “Emprego con Apoio” para persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual. Trátase da I Convocatoria dos Premios Solidarios Cenor electrodomésticos, que este grupo corporativo outorga co propósito de impulsar e agradecer iniciativas de carácter social. Desta forma, Down Galicia segue sumando recoñecementos ao seu programa de emprego posto en marcha no ano 2002 co obxectivo de promover a inclusión laboral de persoas con discapacidade intelectual na empresa ordinaria. Un proxecto que aposta pola inclusión plena nun entorno laboral normalizado, e que recoñeza e acolla a diversidade dun modo natural e positivo. Os Premios Solidarios Cenor electrodomésticos apoian proxectos de entidades sociais que traballan para mellorar as condicións de vida de persoas desfavorecidas ou en risco de exclusión na zona norte de España (Galicia, Asturias, País Vasco, Navarra, Cantabria, La Rioja, Castilla y León e Madrid), onde Cenor electrodomésticos desenvolve a súa actividade. Ademais de Down Galicia, tamén resultaron galardoadas a Fundación Andrea, co primeiro premio, e Aspadeza, co segundo.
