O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) entregou o Premio Cermi.es 2013 no apartado de Medios de Comunicación e Imaxe Social da Discapacidade a Down España pola súa campaña de sensibilización do Día Mundial da Síndrome Down, “que permitiu que a sociedade tome conciencia afirmativa do valor e da achega das persoas coa síndrome de Down”. A entrega realizouse no marco da Asemblea Xeral de Down España, que contou para isto coa presenza do presidente do CERMI, Luis Cayo Pérez, quen aproveitou para eloxiar que a Federación teña sabido “manter unha política de comunicación grazas á que se fixo presente entre o resto do movemento asociativo”. En palabras de Cayo, “o CERMI valora e quere recoñecer, a través do voto unánime do seu xurado, o logro en termos de imaxe conseguido por Down España, que a través dos actos do Día Mundial da Síndrome de Down, transmite á sociedade unha imaxe do colectivo respectuosa e na que priman a calidade e a diversidade do colectivo, lonxe de incómodos sobre proteccionismos”. Pola súa banda, o presidente de Down España, José Fabián Cámara expresou o seu agradecemento pola “atención que se tivo ao concedernos este prestixioso premio” , para engadir a continuación que “é todo un orgullo que o CERMI, a institución máis representativa e de maior calado do colectivo, recoñeza a nosa tarefa de sensibilización”. Por último, Cámara lembrou que “a política de comunicación de Down España non é outra que a de demostrar aquilo do que as persoas coa síndrome de Down son capaces de facer. Son as súas capacidades as que poñemos ante a sociedade”.
