A obra será representada o domingo día 6 ás 21:30 no Teatro Principal de Pontevedra. A entrada será de balde, aínda que Down Pontevedra “Xuntos” porá á venda entradas de fila 0 para as persoas que desexen colaborar. Esta nova produción vén a sumarse ás realizadas en anos anteriores, nun proxecto que ten como obxectivo fundamental amosar a capacidade de traballo dos mozos e mozas que forman parte do Grupo de Teatro “Axóuxere”, e poñer en valor as aptitudes artísticas das persoas con discapacidade intelectual e síndrome de Down. Picnic é unha obra que versa sobre o absurdo dos conflitos bélicos. Escrita por Fernando Arrabal en 1947 e estreada no 1952, evidencia o sinsentido da guerra a través do humor e de situacións un pouco disparatadas.
