Grazas a unha axuda económica de 4.000 euros da Consellería de Traballo e Benestar, no marco do programa “Iniciativa Xove”, Down Galicia realiza un obradoiro de fotografía no que participan 35 persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual das sete entidades Down en Galicia. O principal obxectivo é favorecer a expresión e a creatividade das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual utilizando a fotografía como un recurso á hora de interpretar o mundo que os rodea. Así, tamén se potencia a súa participación en actividades sociais, culturais e de lecer, das que na maioría das ocasións están totalmente á marxe provocando un alto risco de exclusión social. Os participantes, con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos, están a crear un espazo grupal no que, mediante a práctica da fotografía, exercitan as súas habilidades de interpretación, narración visual e sensibilidade social, consideradas fundamentais no desenvolvemento da personalidade de calquera individuo. O proxecto consta dun obradoiro de iniciación á fotografía, a planificación das sesións de fotografía na rúa, as propias sesións e o visionado, análise e presentación dos traballos realizados por cada participante nunha actividade conxunta que se celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 8 de outubro.
