A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, destinou 4.800€ ao proxecto “Voluntariado e adestramento en habilidades complementarias ó posto de traballo para persoas coa síndrome de Down” de Down Galicia. Unha axuda que se enmarca no programa de Voluntariado Xuvenil do ano 2014 da Xunta de Galicia. O obxectivo fundamental deste proxecto é o de crear un equipo de voluntariado, eficaz e eficiente, que contribúa á inserción laboral de 103 persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual que participan no programa de emprego con apoio de Down Galicia. Así, os voluntarios e voluntarias colaboran no proceso de aprendizaxe das persoas beneficiarias en cuestións como habilidades persoais e sociais, desprazamentos e autonomía en xeral, necesarias para desenvolverse e relacionarse nun entorno laboral. Doutra banda, tamén acometen unha formación técnica específica que lles axude a asimilar as tarefas que poden ter que desempeñar dentro das funcións concretas da profesión. Esta intervención diríxese a ofrecer a cada usuario e usuaria as estratexias e ferramentas que precisan para participar activamente no seu entorno social e laboral, traballando desde unha perspectiva funcional, na procura dunhas capacidades que permitan a unha persoa adulta con discapacidade participar activamente das actividades e recursos da comunidade.
