Con motivo do Día Internacional para a erradicación da Pobreza, que se celebrou na sede do Valedor do Pobo, as entidades sociais agrupadas en EAPN Galicia, o CERMI Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, reivindicaron máis políticas sociais ante o incremento do asistencialismo. Elías Ledo, en representación de Down Galicia, pediu garantir o Estado do Benestar, asegurar una renda mínima para quen a precise, redistribuír a riqueza e unha política fiscal máis xusta. Pola súa parte, Luis Giménez, do Secretariado Xitano, solicitou información veraz, debates próximos, eliminar privilexios e potenciar dereitos. Guillermo Ascanio, de Ecos do Sur, fixo fincapé en que a crise está xerando “riqueza para o un por cento e empobrecemento xeneralizado”, polo que solicitou que se garanta a renda das persoas, medidas de activación económica e emprego digno y apoio á inserción. O presidente de EAPN-Galicia, David Silva, denunciou que se segue negando o dereito a unha vida digna a máis de 1.200 millóns de persoas que, en todo o mundo, viven en situación de pobreza e de exclusión. Deste total, máis de 650.000 son galegos.Tamén sinalou que en Europa, o 65 por cento das persoas con discapacidade están na pobreza e indicou que, na súa maioría, son mulleres.
