Grazas a unha axuda económica de 16.760,44 euros da Secretaría Xeral de Igualdade e do Fondo Social Europeo, as entidades federadas en Down Galicia veñen de incrementar e mellorar os seus recursos tecnolóxicos. Este proxecto foi acometido tras detectar a necesidade de actualizar algúns postos de traballo, para facilitar o proceso de procura, procesamento e adaptación da información que se utiliza nas diferentes áreas. Para isto, adquiríronse equipos informáticos capaces de garantir unha plataforma de acción na que desenvolver todo o software e as aplicacións dispoñibles no mercado, sen problemas de velocidade e con gran capacidade de manexo de datos. Este novo equipamento permite que o labor diario de xestión sexa máis áxil, eficiente e seguro, mellorando as prestacións dos equipos e adaptándoos ás crecentes necesidades derivadas de manexar un volume de datos cada vez máis importante. Así mesmo, púxose de manifesto a necesidade de contar con novos dispositivos adecuados á metodoloxía que se emprega no proceso de ensino e aprendizaxe das persoas coa síndrome de Down. Neste sentido, os novos dispositivos permiten avanzar nas estratexias educativas que se desenvolven en formato visual e de carácter interactivo, que son as que xeran maior receptividade e interese por parte do alumnado, o que se traduce nunha mellora das posibilidades de integración social e laboral das persoas usuarias.
