A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, cubriu a contratación de 13 persoas durante o exercicio 2014 para desempeñar postos de carácter técnico na Federación Down Galicia e nas súas entidades membro. Do total das persoas contratadas, 4 delas asinaron contratos a xornada completa durante un período de 9 meses e as 9 restantes a xornada parcial por un período de 1 ano. Mediante estas contratacións deuse cobertura a diferentes áreas e programas que conforman o Servizo de Promoción da Autonomía Persoal para persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual (SEPAP). As áreas nas que traballaron os técnicos contratados son “Comunicación e Inclusión Educativa”, “Participación Social e Vida Autónoma”, “Formación para o Emprego”, “Emprego con Apoio”, “Xestión e Administración” e “Comunicación e Captación”. Deste xeito, cóbrese todo un itinerario de apoio a persoas coa síndrome de Down, desde o proceso de educación e escolarización ata o de orientación e inserción laboral, pasando pola promoción da súa autonomía e habilidades para manexarse na súa comunidade. Ademais, cóbrense postos en áreas relativas ao desenvolvemento administrativo das entidades e á sensibilización e difusión do seu traballo cara á sociedade. Os 13 técnicos contratados, cada un no marco da súa área, contribuíu a dar cobertura e apoio ás persoas con discapacidade intelectual en xeral, e coa síndrome de Down en particular, de cara a acadar a súa plena inclusión na comunidade e mellorar a súa calidade de vida.
