A Deputación da Coruña colaborou, durante o exercicio 2014, con Down Galicia e as súas entidades membro na provincia da Coruña, cunha achega económica de 9.925,66 euros para o proxecto Emprego con Apoio. Grazas a esta axuda, puideron desenvolverse actuacións no ámbito da inserción laboral na empresa ordinaria que beneficiaron a un total de 53 mozos e mozas con discapacidade intelectual, especialmente coa síndrome de Down. Estas persoas pertencen ao grupo que forman parte da bolsa de emprego do servizo de Emprego con Apoio das entidades membro de Down Galicia da provincia da Coruña (Teima Down Ferrol, Down Coruña e Down Compostela). En virtude desta axuda, durante o período no que se desenvolveu este proxecto, asináronse 26 convenios de prácticas para 18 persoas que se atopaban en busca activa de emprego, contabilizándose persoas con varios períodos de prácticas na mesma empresa ou en empresas diferentes. Estes períodos de prácticas non foron superiores a tres meses e por sectores, o 73% asináronse no sector servizos, o 23% en administración e oficinas e o 4% en industria. No mesmo período, asináronse 44 contratos de traballo por parte de 33 persoas, dándose a circunstancia de que varias persoas asinaron varios contratos ao longo do ano na mesma empresa como consecuencia de tratarse de contratos temporais ou prórrogas de contratacións xa existentes. Dos contratos asinados, o 55% son de carácter temporal, mentres que o 45% son indefinidos. En canto ao tipo de xornada laboral, o 98% corresponde a xornada parcial. Por sectores, o 91% corresponde ao sector servizos, o 5% a comunicación e ocio, o 2% a administración e oficinas, e tamén o 2% a industria.
