O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia outorgaron, en colaboración coa Amtega, o Premio “Mellor Proxecto TIC con beneficios sociais 2015” a Down Galicia polo seu proxecto “Aulas interactivas para a estimulación cognitiva de alumnos coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual”. O galardón recoñece o carácter innovador da idea, a súa visibilidade e aplicabilidade pragmática e a súa contribución ó acceso das persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual ás TIC e á inclusión dixital. Nesta edición dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2015 tamén resultaron galardoados CO2 Smart Tech S.A., Alberto Rico Alvariño, Consultores Tecnológicos Industriales de Galicia S.L., Retegal, a Asociación Puntogal e José María Pousada como Enxeñeiro do Ano 2015. A entrega de premios, presidida polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrouse onte no marco da XX Noite das Telecomunicacións de Galicia.
