Vinte e cinco usuarios e usuarias de Down Vigo participan desde o pasado día 10 de abril no programa de implantación de hortas-escola que a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Vigo está a levar a cabo. Esta iniciativa, consistente nunha formación básica a cargo de técnicos do Concello, poñerá en contacto a persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual coa natureza. Será na horta urbana de Sardomela, nunha contorna plenamente inclusiva na que persoas con e sen diversidade funcional compartirán espazos e tarefas, onde os participantes se responsabilizarán do mantemento e a produción da terra. Así, desde este mes de abril e ata finais de verán, estes mozos e mozas de Down Vigo aprenderán as reviravoltas de cultivos como o ceboliño, a cabaza ou as plantas aromáticas. Unha gran iniciativa que ten por obxectivo concienciar sobre cuestións tan importantes como a alimentación saudable e sustentable, a reciclaxe e o medio ambiente e que lles permitirá desenvolver habilidades orientadas ao mundo laboral e ao traballo en equipo.
