Tallante. Así se mostrou esta mañá Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, onde denunciou o agravio sufrido pola Federación que representa e polas súas entidades membro na resolución das subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro de finais do 2017.
Esta redución na concesión, que ascende aos 176.670€ no conxunto Down con respecto ao ano anterior, materialízase en 10 postos menos de traballo, o que compromete seriamente o desenvolvemento da labor da Federación e das súas entidades membro no presente ano. Con isto, Down Galicia convértese na entidade máis prexudicada do sector da discapacidade, chegando a representar un terzo do total, xa que o conxunto das asociacións pertencentes ao CERMI Galicia constatou unha diminución de 558.516€ no importe total concedido.
No caso de Down Galicia, os postos non concedidos son necesarios para prestar importantes servizos de atención directa ás persoas usuarias coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, así como ás súas familias, quedando deste xeito gravemente comprometida a calidade dos mesmos. Programas como os de atención temperá, inclusión educativa, emprego e formación ou habilidades para a vida adulta e independente serán algúns dos que sufran esta conxuntura, ao contar con menos persoal para proporcionar ás persoas usuarias a atención que necesitan.
En total, serán 658 persoas usuarias das entidades Down de Galicia as que vexan resentida a calidade do servizo recibido e, posiblemente, dilatarán no tempo o seu proceso de inclusión social e laboral.
Delmiro Prieto puxo énfase en salientar que desde Down Galicia non atopan explicación a esta redución na concesión da subvención para a contratación de traballadores de Programas de Cooperación, “xa que os servizos da Federación seguen na mesma liña que outros anos e a orde, o orzamento e os criterios de valoración son, aparentemente, os mesmos”. O presidente da Federación instou á Secretaría Xeral de Emprego a “axilizar a nova convocatoria de fomento do emprego para poder incorporar ao equipo de traballo de Down Galicia e das súas entidades membro novos profesionais que poidan contribuír a dar un servizo de calidade ás persoas usuarias”.
Outras demandas da Federación
Delmiro Prieto aproveitou tamén a súa comparecencia en sede parlamentaria para expoñer as principais demandas da Federación en outros ámbitos como o sanitario, o educativo, o laboral ou o da accesibilidade universal.
No eido da sanidade, considérase imprescindible levar a cabo melloras nos servizos públicos de atención temperá. Dende hai algún tempo, estes servizos están sendo derivados a entidades privadas por non poder dar resposta ás necesidades de atención do colectivo, pero sen facilitarlles ás familias os recursos económicos necesarios para sufragar o servizo co que substitúen a carencia no sector público. Tamén se estima necesario identificar e protocolizar a realidade existente relativa ao envellecemento das persoas coa síndrome de Down, posto que o aumento da súa esperanza de vida está a descubrir unha nova situación que afrontar.
En canto ás demandas educativas, Prieto destaca a importancia de “continuar avanzando cara unha escola inclusiva, que se apoie na convicción de que todos os alumnos e alumnas poden aprender cando se lles outorgan as oportunidades e condicións de aprendizaxe axeitadas, educando en valores que unicamente se aprenden en contextos de diversidade”. Neste punto, o presidente de Down Galicia amosouse especialmente crítico coa LOMCE, á que cualifica de “anticuada, segregadora e baseada unicamente en resultados”.
En relación ás demandas referidas ao ámbito laboral, desde Down Galicia ven imprescindible que a Administración autonómica cambie a súa tendencia regresiva na inversión en apoios ao emprego inclusivo, facendo así unha aposta clara pola promoción de políticas de emprego de inclusión laboral na empresa ordinaria.
Por último, Delmiro Prieto quixo rematar a súa intervención recordando a Convención Internacional sobre os Dereitos das persoas con discapacidade, ratificada por España no ano 2008 e por Galicia no 2010. Baseándose neste texto demandou o dereito de calquera persoa ao acceso á información e a desaparición, por inaceptablemente discriminatoria, de calquera proceso, xudicial ou administrativo, polo que se retire, elimine, prohiba ou simplemente se restrinxa a capacidade de obrar dunha persoa, por razón da súa discapacidade.