Alex Lado, Fran Fianza y Pamela Casagrande, dous mozos e unha moza coa síndrome de Down da Fundación Down Compostela, participaron onte no Campionato Nacional de Baristas Forum Café que se celebrou estes días en Barcelona. Coordinado por Diego López, asesor barista de Cafento, o equipo Cafeto realizou no Salón Hostelco da feira Alimentaria 2018, unha exhibición dos campionatos Baristas Down que se celebran en Galicia desde fai seis anos.
Avaliados por un xurado experto e cunha ampla traxectoria nos campionatos de baristas, os mozos de Down Compostela prepararon en 16 minutos catro espressos, dous capuccinos decorados coa técnica de vertedura libre ou latte art e dous cócteles con base de café. A participación deste equipo barista finalizou cunha degustación de bebidas preparadas con café e chocolate Reybar.
Fórum Café enmarcou esta exhibición dentro dos seus proxectos no ámbito de responsabilidade social con intención de colaborar na súa difusión, dar a coñecer o valor como profesionais baristas das persoas coa síndrome de Down e mellorar e normalizar a imaxe das persoas con discapacidade intelectual en contornas laborais convencionais, neste caso, a hostalería.
Contextualización dos Campionatos de Baristas Down
Os Campionatos Baristas Down son unha iniciativa pioneira no mundo, nacida en Galicia en 2012 coorganizados por Cafento e a Fundación Down Compostela, que buscan visibilizar ao colectivo de persoas coa síndrome de Down en termos positivos; dar unha formación profesional especializada a persoas deste colectivo; facilitar a súa inserción no mercado de traballo con prácticas laborais en establecementos de hostalería. Actualmente, ademais de en Galicia, celébranse tamén en Andalucía, Asturias, Valencia, Madrid ou Murcia.
Os Campionatos de Baristas Down de Galicia tiveron eco na prensa internacional e inspirado un proxecto similar na cidade canadense de Toronto, chamado Made by Mavericks, que en 2015 recibiu un importante premio naquel país. Gerald Fantone, técnico de emprego na cooperativa sen ánimo de lucro Common Ground Co-Operative e creador dese proxecto, visitou Galicia en 2016 para asistir ao IV campionato, a fin de coñecer mellor o seu funcionamento.
Balance dos Campionatos Baristas Down ata agora
Grazas a estes certames, cento vinte persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, de toda España, puideron formarse como especialistas no mundo do café. Deles, case unha trintena tivo ocasión de realizar prácticas laborais en diversos tipos de establecementos de hostalería.
Varios dos participantes nos diversos campionatos foron contratados de modo temporal pola propia Cafento que, ademais, contratou de maneira indefinida a dous dos participantes na primeira edición do Campionato Barista Down de Andalucía (2014), para a súa sede en Córdoba.
Pero, máis aló de pretender contribuír á inserción laboral, e consecuente autonomía das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, os Campionatos Down queren ser unha oportunidade para visibilizar a este colectivo como persoas diferentes, pero perfectamente capaces.