A formación laboral ten como obxectivo fundamental a capacitación dunha persoa e é unha excelente maneira de que aquelas que teñen discapacidade intelectual logren unha inclusión real no ámbito laboral ordinario. Manuel Pérez Cabo, presidente de Down Pontevedra Xuntos asegura que “a formación é un dos piares básicos na procura de emprego e un dos pasos previos para acadar unha vida máis autónoma”.
É por iso que a asociación pontevedresa puxo en marcha unha proposta formativa para a adquisición de competencias no sector administrativo. Sete persoas usuarias da entidade coa síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual participan no proxecto “Uno a uno”, que lles permitirá acadar o coñecemento, habilidades e destrezas necesarias para poder traballar como ordenanza, auxiliar administrativo ou bedel. Todas elas están inscritas no programa de Garantía Xuvenil e contan con idades comprendidas entre o 20 e os 30 anos e cun certificado de discapacidade entre o 33% e o 65%.
Este aprendizaxe, que comezou o pasado 1 de marzo e estenderase ata o vindeiro 20 de xullo, conta con unha parte teórica e outra totalmente práctica. A primeira delas lévase a cabo na propia entidade Down e ten unha duración de 160 horas, mentres que a segunda consta de 100 horas prácticas en empresas ordinarias da contorna. Nesta ocasión, as empresas colaboradoras son a Sociedade Deportiva Teucro, o colexio concertado Sagrado Corazón de Pontevedra, o despacho da avogada Mónica Costal Blanco e Espacio Arroelo Coworking S.L.
Para os mozos e mozas participantes está a ser unha experiencia estupenda. “A experiencia de prácticas é moi boa para poder aprender unha profesión e cada día ir mellorando. É unha primeira experiencia laboral e encantaríame ter outras oportunidades coma esta”, comenta Celso Luengo. “Ademais, nun futuro gustaríame traballar e facer as cousas eu solo”, engade.
Este proxecto é posible grazas á “Convocatoria de Ayudas Económicas de la Fundación ONCE a Proyectos de Empleabilidad de Personas Jóvenes con Discapacidad” do ano 2018, enmarcada no Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado polo Fondo Social Europeo 2014-2020.