Mediante unha achega de 10.000 euros, a Obra Social “la Caixa” colabora co proxecto de Down Galicia “Unha escola para todos e todas: inclusión educativa de alumnos e alumnas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual”. Esta axuda enmárcase na Convocatoria “Interculturalidad y Acción Social 2017”, dentro do Programa de Axudas a Proxectos de Iniciativas Sociais.
Grazas a esta colaboración, ao redor de 150 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais de toda a Comunidade Autónoma de Galicia contarán cunha serie de apoios encamiñados a alcanzar o maior grao de desenvolvemento e autonomía posible a través da dinamización de experiencias educativas de calidade nos seus anos de escolarización.
O obxectivo principal deste proxecto é promover e facilitar, de forma coordinada cos centros educativos, a inclusión escolar do alumnado con discapacidade intelectual na escola ordinaria, potenciando ao máximo o seu desenvolvemento cognitivo, social e persoal a través de recursos e metodoloxías educativas optimizadoras dos procesos de aprendizaxe.
As metodoloxías inclusivas, como a aprendizaxe cooperativa ou a aprendizaxe por proxectos, están a mostrarse moi eficaces en canto á mellora dos niveis de presenza, participación e aprendizaxe deste colectivo nas contornas educativas. Esta eficacia non só se basea no crecente número de iniciativas que cada día se implantan en España, senón tamén nos altos niveis de satisfacción que presentan todos os axentes implicados nelas: persoas usuarias, compañeiros e compañeiras de aula, mestres e mestras, familias…
Este proxecto de apoio á inclusión escolar de Down Galicia trata de optimizar os recursos existentes para promover un alto nivel de colaboración entre os axentes educativos -escola, familia e asociación- co fin de coordinar as accións educativas necesarias en cada contexto para non deixar ningunha área de aprendizaxe sen abordar.