Fabiola García Martínez, Conselleira de Política Social, visitou esta mañá as instalacións que a Fundación Down Compostela e a Federación Down Galicia teñen na cidade de Santiago e puido comprobar de primeira man o traballo realizado por ambas as entidades.
Guiada por Iván Allende e Dani Martínez, os dous mozos de Down Compostela que nestes momentos están a realizar prácticas na administración autonómica, a representante da Xunta de Galicia puido observar o desenvolvemento dalgunhas das sesións de atención temperá, logopedia ou novas tecnoloxías que levan a cabo na Fundación. Alí, tivo ocasión de charlar coas persoas usuarias da entidade, recibindo así as impresións e valoracións dos servizos que reciben, centrados no desenvolvemento integral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e que teñen como obxectivo final a súa inclusión social.
Ao terminar a visita ás instalacións, García Martínez puido desfrutar dun pequeno almorzo ofrecido polas persoas participantes na formación de restauración e bar que a Fundación Down Compostela está a levar a cabo co financiamento da propia Consellería de Política Social.
Tras o refrixerio, representantes da Xunta Directiva de Down Compostela e da Federación Down Galicia puideron trasladar á Conselleira as principais demandas do conxunto Down, centrándose principalmente na posta en marcha de prácticas formativas na administración en toda a Comunidade Autónoma.