A Federación Down Galicia organiza o vindeiro sábado 26 de outubro “Educación Inclusiva: Deseño Universal para a Aprendizaxe e boas prácticas”, unha xornada didáctica e reflexiva con máis dunha ducia de experiencias dedicada a profesionais docentes, de orientación e equipos directivos dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria do país. O prazo de inscripción comeza o día 4 e finaliza o vernes 18 de outubro áss 14:00 horas.
O obxectivo desta formación, homologada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, consiste en contribuír a unha mellora na sensibilización e formación das persoas participantes na utilización de metodoloxías inclusivas como unha medida de atención e optimización do proceso de inclusión educativa do alumnado con maiores necesidades de apoio educativo.
A xornada, que non ten custe para as e os participantes, estará centrada, na súa maior parte, na presentación de experiencias e boas prácticas de profesionais da educación. Unha ducia de testemuños entre relatorios e mesas redondas, onde destacan as experiencias do mestres Antonio Márquez Ordóñez e José Blas García Pérez.
Por una banda, Antonio Márquez, mestre de Pedagoxía Inclusiva desde hai 13 anos e actual director do proxecto “Aula Desigual”, falará desde un punto de vista práctico, abordando as pautas do DUA, universalidade e deseños accesibles. Por outra, José Blas García, licenciado en Psicopedagoxía e mestre no IES Juan Carlos I de Murcia e tamén asociado na Universidade de Murcia na cal participa no Grupo de Investigación “Escola para Todos”, falará das últimas tendencias no eido da inclusión na aula.
A finalidade das metodoloxías inclusivas e as boas prácticas é acadar unha escola con capacidade para responder a todos os seus alumnos e alumnas, identificando e eliminando barreiras que dificultan os procesos de participación e aprendizaxe.
Consulta aquí o programa e toda a información sobre a xornada.
Inscripción pechada o 18 de outubro ás 14:00 horas.