A Asociación DOWN LUGO convoca o XVIII Concurso Autonómico de Postais de Nadal dirixido a persoas coa síndrome de Down. O obxectivo deste concurso é fomenta-la participación das persoas coa síndrome de Down en actividades culturais e espertar o seu interese polo mundo da pintura.
As bases serán as seguintes:
1. Poderán participar persoas coa síndrome de Down da Comunidade Autónoma de Galicia de calquera idade.
2. O tema obrigatorio será “O Nadal”.
3. Estilo libre e técnica de debuxo realizada con calquera procedemento a unha ou varias cores. Farase constar ó dorso o nome, a idade, o número de teléfono e o enderezo do autor/a ou do centro que o remite.
4. Formato: os traballos presentaranse sobre cartolina tamaño Din A-4.
5. Haberá tres premios para os autores/as das postais gañadoras consistentes en:
- 1º premio: Tarxeta regalo Carrefour de 100 €.
- 2º premio: Tarxeta regalo Carrefour de 75 €.
- 3º premio: Tarxeta regalo Carrefour de 50 €.
Todas as persoas que concorran recibirán un diploma que acredite a súa participación neste certame.
6. O Xurado estará formado pola Presidenta da Asociación, un representante do Concello, outro da Deputación Provincial de Lugo e unha persoa relacionada co mundo da cultura lucense. A súa decisión será inapelable.
7. O prazo de entrega dos traballos para optar ó premio rematará o día 16 de decembro de 2019 sendo este o último día de admisión das obras.
8. Os traballos enviaranse por correo postal (Asociación DOWN LUGO – R/ Miguel de Cervantes 34, baixo, 27003 LUGO) ou entregaranse no enderezo sinalado de 10 a 14 h. e de 17 a 20 h.
Os traballos serán expostos posteriormente nos locais da Asociación.
9. Cos traballos premiados poderanse elaborar tarxetas de Felicitación do Nadal do ano 2020, quedando estes en propiedade da Asociación DOWN LUGO.
10. A participación neste concurso implica a aceptación destas Bases.