Cunha achega de 6.000€, a Deputación de Pontevedra quixo dar continuidade á colaboración que dende hai xa varios anos ofrece ao proxecto “Emprego con Apoio na provincia de Pontevedra” que Down Galicia leva a cabo nesta zona. Esta aposta pola inclusión laboral permitiu que un total de 96 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais contaran cunha serie de apoios encamiñados a conseguir a súa participación no mercado laboral ordinario durante o ano 2019.
Grazas a esta axuda puideron prestarse apoios por toda a provincia, especialmente na capital e nas cidades e concellos máis importantes, aínda que tamén naquelas áreas xeográficas ás que pertencen os usuarios e usuarias do proxecto de emprego. Na área de influencia de Pontevedra, ademais da propia cidade do Lérez, pódense citar Cuntis, Redondela, Marín, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Cambados e O Grove. Mentres, na área de Vigo, ademais da cidade olívica, destacan Redondela, Cangas, Porriño, Moaña, Mos, Baiona, Ponteareas e Tomiño, entre outros.
Das 96 persoas participantes neste proxecto, 20 delas asinaron 28 convenios de prácticas e, en canto ás contratacións, houbo un total de 109 contratos vixentes no período, incluíndo varias prórrogas e 9 transformacións en indefinidos. Moitos dos contratos asinados este ano son temporais e a tempo parcial, o que deixa de manifesto, unha vez máis, a inestabilidade laboral do colectivo.
Outro aspecto a destacar é o tipo de sector onde se están a levar a cabo estas contratacións, entre os que destacan o sector servizos, o da hostalería e o da industria, superando a outros como o comercio ou a administración.
Ademais, durante este período, contactáronse un total de 64 empresas de toda a provincia co obxectivo de lograr unha oportunidade laboral para algunha das persoas destinatarias deste proxecto.
En Down Galicia cremos na eficacia do Emprego Con Apoio desde o ano 2002. Esta metodoloxía, orientada á inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral ordinario, ofrece os apoios necesarios dentro e fóra da contorna laboral para conseguir unha óptima adaptación do empregado ou empregada ao posto de traballo. Deste xeito, a empresa conseguirá traballadores e traballadoras cualificados que se formarán directamente nos seus postos de traballo. A figura do preparador ou preparadora laboral da entidade Down é fundamental no proxecto, xa que acompañará á nova persoa traballadora durante todo o proceso: asesoramento, seguimento e apoio durante o tempo que dura a relación laboral.