A asociación Down Coruña e o goberno municipal da cidade acaban de poñer en marcha o proxecto de inclusión socio-laboral “Down Café”, unha iniciativa na que a entidade e o concello levan traballando dende xuño do ano pasado.
A Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación del Concello de A Coruña subscribiu coa entidade Down un convenio de colaboración o pasado mes de novembro, coa finalidade de contribuír á realización dun programa de adestramento para adquirir e mellorar as habilidades de comunicación persoal e social de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Tras este acordo, a xunta de goberno local decidiu a pasada semana a concesión demanial directa e gratuíta dunha parte do quiosco municipal da praza de Ourense, de titularidade pública, a Down Coruña.
O proxecto “Down Café” ten como obxectivo impulsar a inclusión socio-laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, promovendo a súa capacidade de autoxestión e desenvolvemento na iniciativa empresarial.
Deste xeito, persoas usuarias de Down Coruña terán a oportunidade de formarse en distintos traballos relacionados coa hostalería, especialmente en tarefas de atención ao cliente e no servizo e preparación de todo tipo de cafés.