Diferentes accións de sensibilización e divulgación en diferentes cidades e vilas galegas para conmemorar o 21 de marzo, Día Mundial da Síndrome de Down. Así quixeron celebrar esta data tan importante para o Movemento Down varias das entidades que forman parte da Federación Down Galicia. De Lugo a Pontevedra, pasando por Ourense e Vigo.
En Pontevedra, a pé de rúa
Down Pontevedra Xuntos vestiu a cidade cunha acción de rúa. Paraugas azuis coa data emblemática do 21M despregáronse na vila en diferentes monumentos. Ademais, coa colaboración do Concello de Pontevedra, situou unha pancarta no balcón da Casa da Luz, desde o xoves 17 ao propio día, para concienciar á veciñanza.
Por outra banda, para achegarse ás crianzas, a asociación realizou o xoves 18 na Escola Infantil “El Grupo” un contacontos inclusivo. Ademais, “tamén lle pedimos colaboración a todos os concellos da nosa área de influencia, que é a zona norte da provincia de Pontevedra, para que nas súas páxinas web fixesen publicidade desta data e conseguir acadar maior visibilidade”, explica o presidente da asociación Xuntos, Manuel Pérez Cabo. “No mesmo sentido pedimos a colaboración dos centros educativos”.
Ourense, sensibilización no eido educativo
Pola súa parte, na cidade das Burgas Down Ourense quixo incidir na sensibilización no eido educativo, realizando dúas xornadas en centros deste ámbito. Por unha lado, na Facultade de Educación da vila, da Universidade de Vigo, e por outro no IES O Couto.
En ambas visitas, a intención foi explicar que significa exactamente ter esta alteración xenética e a realidade das persoas coa síndrome de Down: o seu día a día, a súa evolución educativa e laboral ao longo dos anos, e cales son os seus plans de futuro, tal e como ocorre co resto da sociedade.
Boletín especial en Vigo para trasladar o seu traballo á sociedade
A cidade olívica tamén viviu o seu Día Mundial. Down Vigo quixo salientar o traballo diario que hai máis alén do 21M. Por este motivo, editou un boletín especial da súa publicación mensual para explicar os pormenores dos servizos que realiza, destacar as campañas de sensibilización desta data e explicar á súa base social a adaptación que veñen realizando debido á pandemia da Covid-19.
Concienciación en concellos na área de Compostela
Down Compostela, pola súa banda, realizou unha campaña de concienciación na súa área de influencia, implicando aos concellos para que formasen parte e difundisen a acción global de calcetíns desemparellos, así como a conmemoración propia do 21 de marzo. Concellos da contorna como a propia capital do país, Ames e Teo participaron activamente. Nos dous últimos despregando incluso unha pancarta na casa do concello. Teo, ademais, quixo engadir unhas mensaxes de apoio polo Día Mundial nas pantallas luminosas repartidas pola súa xeografía local.
Vídeo en formato Tik Tok para concienciar en Lugo
Desde Down Lugo quixeron dar unha volta á conmemoración do 21M realizando un vídeo reivindicativo, cunha parte en formato Tik Tok, a rede social de moda. A idea xurdiu de Marcos, un mozo coa síndrome de Down da asociación, que quere “que todas as persoas saiban que somos uns máis e que podemos facer moitas cousas”. O proxecto, que publicaron nas súas redes sociais, é un vídeo divertido e plural no que colaboran persoas usuarias, familias, profesionais e persoas voluntarias de Down Lugo.
Ademais desta iniciativa, a asociación lucense tamén realizou, con motivo desta data, unha sensibilización nun centro escolar. A entidade organizou un contacontos inclusivo para trasladar ao alumnado o valor e o respecto á diversidade dentro e fose da aula.