Co obxectivo de coñecer xente nova e compartir inquedanzas e afeccións, 25 persoas usuarias das entidades Down en Galicia participaron o pasado venres no I Encontro Virtual de Mozos e Mozas organizado polo Movemento Down.
Tras unha consulta previa a través dun cuestionario, as mozas e mozos estiveron divididos en tres grupos con distinta temática tendo en conta as súas preferencias. Así, a través de divertidas dinámicas e xogos, puideron compartir a súa opinión sobre diferentes formas de desfrutar do tempo de lecer como son o baile, o deporte ou o cine e a lectura.
O encontro fíxose curto e tras dúas horas de tempo compartido, as persoas usuarias verbalizaron o firme compromiso de facer máis xuntanzas deste tipo para poder seguir coñecéndose e desfrutando xuntas. Aínda que o verdadeiro desexo é poder “saír, ir ao cine, viaxar e volver a desfrutar do ocio de maneira presencial”.