O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou onte á tarde a sede de Down Vigo, á que a Xunta destina neste ano 2021 un total de 104.000 euros para promover a vida autónoma das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais usuarias desta entidade.
O director xeral destacou que Down Vigo ten demostrado ser un aliado fundamental do goberno galego na procura dunha sociedade máis xusta, solidaria e igualitaria. Neste sentido, agradeceu a súa implicación e traballo e animounos a seguir facendo da nosa comunidade un lugar mellor para vivir.
González Abeijón aproveitou a súa visita para coñecer as actividades que se realizan nas instalacións desta entidade, un amplo programa de proxectos que atende desde os primeiros anos ata as idades máis avanzadas, así como a algunha das súas persoas usuarias.