O equipo de profesionais da área de educación de Down Lugo visitou o pasado 7 de xuño o CEIP Aquilino Iglesias Alvariño, no concello lucense de Abadín, para participar nunha xornada de sensibilización organizada polo centro.
Durante a visita, os alumnos e alumnas de Educación Infantil e de 1º e 2º de Educación Primaria asistiron a diferentes actividades nas que puideron comprender un pouco mellor a realidade das persoas coa síndrome de Down.
Desta forma, en cada aula coñeceron as historias do elefante “Elmer” ou “O meu irmán é o mellor irmán do mundo mundial”, demostrando interese e coñecemento sobre a diversidade. Tamén foron protagonistas dun cómic, visualizaron e manexaron un teatro de sombras e crearon o seu propio Elmer, quedándose cun gran recordo da visita.
Desde Down Lugo queren agradecer ao CEIP Aquilino Iglesias Alvariño o seu interese por coñecer máis en profundidade a síndrome de Down e animan a todos os centros educativos da provincia para seguir traballando en favor da inclusión educativa con máis forza se cabe.