Saber facer un bo uso das novas tecnoloxías é algo imprescindible hoxe en día. É por iso que varias persoas usuarias do programa de Formación Laboral e Emprego de Down Ourense participaron os pasados 18 e 25 de maio en dúas charlas sobre este tema na Casa da Mocidade da cidade.
A formación, de catro horas de duración repartidas en dúas sesións de traballo, foi impartida por Millán Brea, educador social do centro Quérote+ de Ourense.
As persoas asistentes resolveron todas as súas dúbidas sobre algúns dos riscos que se abordaron no taller: como ser unha persoa coidadosa coa información persoal que se publica en redes sociais, a subida de fotografías sen o consentimento doutras persoas, o sexting ou o ciberbullying, entre outros.
Tras finalizar as dúas sesións, os mozos e mozas participantes mostráronse moi satisfeitos, xa que estas sesións serviranlles para mellorar os seus coñecementos informáticos, evitar riscos innecesarios no seu día a día e mellorar no manexo das novas tecnoloxías.
Os centros Querote+, dependentes da Xunta de Galicia, teñen por obxectivo prestar un servizo de información e asesoramento á mocidade galega naquelas áreas nas que se poida achegar un maior entendemento social e que se facilite o crecemento persoal.