Setembro é o mes dos comezos e en Down Coruña tomárono ao pé da letra. Así, nas últimas semanas estrearon o proxecto Ecofriendly21, un programa formativo de educación ambiental baseado na aprendizaxe de boas condutas relacionadas co medio ambiente.
Este novo proxecto, que terá unha duración de dous cursos na súa primeira promoción e do que formarán parte 5 mozos e mozas da asociación, ten por finalidade que as persoas participantes no mesmo adquiran coñecementos sobre o coidado do medio ambiente, o correcto funcionamento do proceso de reciclaxe, a preservación da fauna e a flora e a adquisición de bos hábitos no día a día, como o uso do transporte público ou o control do consumo de luz e auga.
Tras esta formación inicial, o obxectivo final será a obtención da certificación profesional privada de Axente Ambiental, así como a inserción das persoas participantes no mundo laboral.