Down Vigo participou a pasada semana no IV Congreso Nacional sobre Emprendemento, Emprego e Discapacidade, que tivo lugar os pasados días 30 de setembro e 1 de outubro na Facultade de Educación da Universidade de Alacante.
Alí, as técnicas do servizo de Emprego con Apoio da entidade, Jana Ruiz e Nuria Villar, acompañadas pola preparadora laboral Olalla González, presentaron o seu novo proxecto “ECA en Corentena: competencias brandas, emprego con apoio e gamificación”, posto en marcha durante o confinamento.
Durante o seu relatorio, as promotoras da experiencia explicaron as fórmulas de traballo a distancia que aplicaron durante a pandemia, buscando a innovación e a motivación do alumnado. Así, ‘ ECA en Corentena’ baséase na gamificación, unha metodoloxía que utiliza o xogo como ferramenta para traballar competencias sociolaborais.
O proxecto baseouse en contidos interactivos centrados na resolución dun misterio. Os escenarios, ambientados en Vigo, os personaxes ficticios e unha trama coidada ao milímetro mantivérono vixente durante máis dun ano, combinándoo posteriormente con sesións presenciais unha vez finalizado o período de confinamento.
A presentación do proxecto foi seguida por videoconferencia desde as instalacións da entidade por boa parte das persoas participantes no mesmo. Desta forma, os usuarios e usuarias do servizo de Emprego con Apoio de Down Vigo puideron contar en primeira persoa a súa experiencia durante o relatorio.
O Congreso Nacional sobre Emprendemento, Emprego e Discapacidade é un foro de encontro entre Administracións Públicas, empresas, entidades do movemento asociativo e persoas con discapacidade, co obxectivo de debater ao redor de accións positivas e cuestións relacionadas co emprego e o emprendemento inclusivo.