Un ano máis, a Deputación de Ourense colabora co proxecto “Emprego con Apoio: Talento profesional de persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual da provincia de Ourense” que Down Galicia puxo en marcha nesta provincia. Mediante esta achega, que ascende a 3.000€, facilitáronse unha serie de apoios a un total de 24 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais encamiñados a conseguir a súa inclusión no mercado laboral ordinario durante o ano 2021.
Grazas a esta axuda, o proxecto desenvolveuse por toda a provincia, especialmente na capital e nas cidades e concellos máis importantes, aínda que tamén naquelas áreas xeográficas ás que pertencen os usuarios e usuarias do proxecto de emprego. Na área de influencia de Ourense, ademais da propia capital, pódense citar Celanova, Arnoia e Barbadás.
Das 24 persoas participantes neste proxecto, 16 delas contaron cunha oportunidade laboral, chegando o número total de contratos vixentes ata os 38 ao longo do ano 2021. Tal e como podemos observar, destaca o caso de varias persoas que asinaron máis dun contrato ó longo do ano, ben por tratarse de contratos temporais ou ben prórrogas destes na mesma empresa. Por tanto, practicamente a totalidade destas contratacións son de curta duración e a tempo parcial, o que dificulta a consecución dunha estabilidade laboral e un proxecto de vida.
Down Galicia desenvolve desde o ano 2002 o programa Emprego con Apoio, deseñado para atender especificamente as necesidades e barreiras que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais atopan á hora de intentar acceder ao mercado laboral ordinario.
Este modelo baséase nun sistema estruturado de apoios e acompañamentos para guiar ás persoas demandantes de emprego a través de todo o proceso de inserción socio-laboral e asegurar a súa correcta incorporación ao posto de traballo. Deste xeito, as persoas que se incorporan a un posto, contan co apoio dun preparador ou preparadora laboral que se encarga de levar a cabo unha formación específica no propio posto de traballo, para que o traballador ou traballadora poida ir adquirindo progresivamente unha adecuada execución das tarefas. O apoio tamén se centra na potenciación da interacción social cos compañeiros e compañeiras de traballo e na mediación na relación con eles para que se desenvolva de xeito positivo e natural.