O pasado 16 de decembro, nove persoas do grupo ‘Ecofriendly’ de Down Coruña colaboraron coa iniciativa “Hábitat sen lixo” organizada polo Grupo Naturalista Hábitat, mediante a que realizaron unha limpeza na praia coruñesa do Orzán e concienciáronse sobre a importancia do coidado do medio ambiente.
A xornada comezou ás 11:00h nunha das entradas da praia, onde os voluntarios e voluntarias de Hábitat explicaron como se desenvolvería a xornada e o proceso de limpeza que levarían a cabo.
O equipo ‘Ecofriendly’ foi avanzando durante varias horas a través do areal, tempo no que conseguiron recoller uns 3 quilos de lixo aproximadamente, principalmente microplásticos. Posteriormente, realizaron unha selección entre plásticos e pallas, cabos e cabichas para proceder á súa reciclaxe.
Esta non é a primeira vez que persoas usuarias de Down Coruña realizan actividades relacionadas coa conservación da natureza, xa que este verán participaron en tarefas de limpeza nas praias de Sabón (Arteixo) e a contorna da Torre de Hércules.