Cunha achega de 6.437,58€, a Deputación de Pontevedra quixo dar continuidade á colaboración que dende hai xa varios anos ofrece ao proxecto “Emprego Con Apoio na provincia de Pontevedra” que Down Galicia leva a cabo nesta zona. Esta aposta pola inclusión laboral permitiu que un total de 102 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais contaran cunha serie de apoios encamiñados a conseguir a súa participación no mercado laboral ordinario durante o ano 2021.
Grazas a esta axuda puideron prestarse apoios por toda a provincia, especialmente na capital e nas cidades e concellos máis importantes, aínda que tamén naquelas áreas xeográficas ás que pertencen os usuarios e usuarias do proxecto de emprego. Na área de influencia de Pontevedra, ademais da propia cidade do Lérez, pódense citar Poio, O Grove, Cuntis, Cambados, Redondela, Meaño, Vilagarcía de Arousa, Marín e Cercedo-Cotobade. Mentres, na área de Vigo, ademais da cidade olívica, destacan Mos, O Porriño, Ponteareas, Tui, Tomiño, Baiona, Redondela, Moaña e Cangas.
Durante este período, o total de contratos vixentes alcanzou as 88 contratacións para 80 persoas usuarias, a maioría delas a tempo parcial, e asináronse un total de 11 convenios en prácticas durante o ano para 11 persoas. Os sectores máis destacados onde se están a levar a cabo estas contratacións ou prácticas son o sector da administración, o da hostalería e o do comercio.
Ademais, durante este período, contactáronse un total de 284 empresas de toda a provincia co obxectivo de lograr unha oportunidade laboral para algunha das persoas destinatarias deste proxecto.
En Down Galicia cremos na eficacia do Emprego Con Apoio desde o ano 2002. Esta metodoloxía, orientada á inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral ordinario, ofrece os apoios necesarios dentro e fóra da contorna laboral para conseguir unha óptima adaptación do empregado ou empregada ao posto de traballo. Deste xeito, a empresa conseguirá traballadores e traballadoras cualificados que se formarán directamente nos seus postos de traballo. A figura do preparador ou preparadora laboral da entidade Down é fundamental no proxecto, xa que acompañará á nova persoa traballadora durante todo o proceso: asesoramento, seguimento e apoio durante o tempo que dura a relación laboral.