Fabiola García Martínez, Conselleira de Política Social, e Fernando González Abeijón, Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, visitaron esta mañá as instalacións que a Federación Down Galicia e a Fundación Down Compostela teñen na cidade de Santiago, onde puideron comprobar de primeira man o traballo realizado por ambas as entidades.
Tras unha conversa inicial con Pepa Lockhart, usuaria de Down Compostela que puxo voz á recentemente premiada película ‘Valentina’, os representantes da Xunta de Galicia percorreron o edificio e observaron o desenvolvemento dalgunhas das sesións que se levan a cabo na Fundación. Alí, tiveron ocasión de charlar coas persoas usuarias da entidade, recibindo así as impresións e valoracións dos servizos que reciben, centrados na promoción da autonomía persoal das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e que teñen como obxectivo final a súa inclusión social.
En declaracións, García Martínez quixo falar sobre o filme de animación ‘Valentina’, destacando que grazas a el “os máis pequenos da casa poderán saber que as persoas coa síndrome de Down son quen de acadar e chegar ás metas que se propoñan sempre que conten con todos os apoios necesarios”. Así mesmo, en nome do goberno, quixo “agradecer a Down Galicia o traballo esixente que levan a cabo día a día desde hai moitos anos”. Para finalizar, salientou que a administración ten “o firme propósito de continuar traballando de cara á inclusión das persoas con discapacidade e a sensibilización e concienciación dos máis pequenos”.
Pola súa parte, Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, puxo de manifesto que as entidades Down “non estamos a percorrer este camiño sós, senón que contamos co apoio institucional, sen o que sería moito máis difícil conseguir o noso obxectivo”. En canto ás capacidades das persoas coa síndrome de Down, o presidente da Federación quixo deixar claro que “non hai límites para elas e que as barreiras non están nas persoas, senón na propia sociedade”. Para finalizar, Prieto destacou que o empeño do Movemento Down en Galicia é “que chegue un momento no que o que hoxe é noticia deixe de selo e que non teñamos que celebrar tantos ‘Días de’, que poñen de manifesto que algo falla na sociedade, senón conmemorar o día no que non haxa nada que celebrar”.
Ao terminar a visita ás instalacións, representantes da xunta directiva da Federación Down Galicia puideron trasladar á Conselleira e ao Director Xeral as principais demandas do conxunto Down, centrándose principalmente na necesidade de apoio da administración na avaliación e seguimento do envellecemento das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual e a posta en marcha de prácticas formativas na administración en toda a Comunidade Autónoma.