A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, financiou con 161.259,38 € a contratación de nove persoas desempregadas durante o pasado exercicio 2020-2021 para cubrir distintos postos de carácter técnico en varios dos centros de traballo da Federación Down Galicia.
Mediante estas contratacións de xornada parcial durante un ano deuse cobertura a diferentes áreas e programas que conforman o Servizo de Promoción da Autonomía Persoal para persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual (SEPAP). Nesta ocasión, o persoal contratado desempeñou o seu labor nos programas de “Vida Adulta e independente”, “Inclusión educativa”, “Formación e emprego” e “Transversal: Coordinación, Administración e Xestión”.
O servizo de Promoción da Autonomía Persoal de Down Galicia céntrase en proporcionar ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais os recursos adecuados que permitan a súa participación na comunidade da forma máis autónoma e independente posible, mediante o fortalecemento dos seus propios recursos e o adestramento da súa autonomía persoal.