A Consellería de Política Social vén de amosar ao seu apoio ao proxecto “Xornadas formativas en habilidades prelaborais de cara a vida diaria e a empregabilidade das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”, que a Federación Down Galicia leva a cabo entre o 15/01/22 e o 30/06/22 nos seus centros de traballo das cidades de Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo e Vigo.
Os obxectivos principais deste programa están centrados en garantir a adquisición e mellora das habilidades básicas para o reforzo da comunicación, da autonomía ou da lectoescritura como aspectos transversais fundamentais na vida diaria e na mellora da empregabilidade das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, así como en apoiar o desenvolvemento das competencias necesarias para a participación das persoas participantes en procesos selectivos convocados por diferentes administracións públicas.
Para tal fin, levaranse a cabo as seguintes actuacións: información de cada un dos procesos selectivos, orientación e asesoramento no eido dos trámites burocráticos relativos a cada convocatoria, explicación de forma detallada dos mecanismos de achega da documentación ós organismos oficiais, acompañamento individual como medida de apoio nos trámites da convocatoria, acompañamento durante a asimilación dos contidos, titorías individualizadas, adaptacións de contidos teórico-prácticos e realización de probas, accións formativas de preparación de contidos ou acompañamento a formacións externas, formación básica en novas tecnoloxías ou reforzo de habilidades complementarias, entre outras.