Con motivo do Día Mundial da síndrome de Down, celebrado onte en todo o mundo, membros de Teima Down Ferrol participaron en varios actos nos que persoas usuarias da entidade reivindicaron en primeira persoa os seus dereitos.
O Salón de Plenos do Concello de Narón acolleu durante a mañá o primeiro deles. A alcaldesa da localidade, Marián Ferreiro, e a presidenta de Teima, Patricia Serantes, abriron o acto destacando a necesidade de acabar coas barreiras existentes na sociedade para poder alcanzar unha igualdade de oportunidades real e deron paso a un vídeo realizado por Rober Amado con motivo desta sinalada data.
Tras este inicio, 21 persoas coa síndrome de Down xunto cos seus pais, nais e irmáns expuxeron 21 desexos e dereitos relacionados coa importancia da inclusión en todos os ámbitos. Tamén reclamaron a necesidade do bo funcionamento dos recursos ordinarios da comunidade, como o transporte público, tan necesario para poder estudar, formarse ou traballar. E, por suposto, puxeron de manifesto a gran materia pendente dos concellos, o emprego público, reclamando máis procesos selectivos con reserva para persoas con discapacidade intelectual.
Os actos conmemorativos continuaron pola tarde coa visita do alcalde de Ferrol, Ángel Mato, á sede de Teima. Nun ambiente máis distendido, persoas mozas e adultas usuarias da asociación trasladaron ao rexedor as súas inquedanzas na loita por unha sociedade máis inclusiva e baseada na pluralidade e na diversidade. Así mesmo, tamén fixeron fincapé na importancia do emprego público a nivel municipal.
Iluminación dos principais monumentos da cidade
Para finalizar a xornada, persoas vinculadas a Teima estiveron acompañadas de diferentes representantes de colectivos políticos, culturais, veciñais e sindicais da cidade no acendido da iluminación do Teatro Jofre con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down.
A Praza de Galicia foi o escenario escollido polas persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais para alzar a súa voz a través da lectura dun manifesto reivindicativo, lembrando o moito que aínda queda por facer en materia de inclusión social.
Ademais do Teatro Jofre e grazas á colaboración do concello, do 21 ao 25 de marzo, ambos incluídos, iluminaranse tamén a fonte do Cantón de Molins, a rúa Magdalena e os tramos da rúa Terra, a rúa Real e a rúa Rubalcava que rodean a Praza de Armas.